Páginas

quinta-feira, novembro 04, 2010

Destruido castro único em Corunha


O jornalista e professor universitário Manuel Gago no seu blogue Capítulo O (premer acima a ligaçom) da-nos conta desta desfeita da que extraimos as imagens que acompanham esta entrada. O Xornal também recolhe hoje esta nova redigida por Hector J. Pena que reproducimos aquí:

"Hai seis anos, arqueólogos, ecoloxistas e veciños denunciaban que as obras do porto exterior da Coruña, en Punta Langosteira, ían levar por diante o castro de Cabo Cociñadoiro. A este respecto, a Declaración de Impacto Ambiental do 23 de febreiro de 2001 do Ministerio de Medio Ambiente xa recoñecía a existencia dun importante patrimonio cultural na futura zona de obras, no que se incluían outros catro asentamentos e un santuario, ademais de facer constar “a presenza dun castro de pequenas dimensións, o castro do Cociñadoiro”.

Esa mesma declaración recollía que entre o patrimonio arqueolóxico, “os principais efectos serían sobre o Cabo Cociñadoiro”. A solución que o Ministerio de Medio Ambiente propuña como medida protectora consistía nunha “actuación de rescate dirixida por técnicos arqueólogos a fin de proceder á protección e a conservación dos restos”.

A principios do 2005 comezaban unhas escavacións que cara a principios do verán xa estaban rematadas. Eses traballos arqueolóxicos sacaron á luz 23.000 obxectos, pese a que solo foron inventariadas 9.687 pezas, segundo un informe elaborado polo equipo arqueolóxico. Despois, a historia deixou paso ao progreso e as obras seguiron o seu curso, levando por diante o Castro de Cociñadoiro –tamén coñecido como de Punta de Muros–.

O xornalista Manuel Gago lembraba onte na súa bitácora (www.manuelgago.org/blog) todo este proceso, e citaba que o pasado 11 setembro se presentou en Cádiz o libro Cuaternario y arqueología: Homenaje a Francisco Giles Pacheco. O volume inclúe un estudo sobre o devandito castro dos profesores Juan A. Cano Pan –director da escavación do 2005– e Fernán Gómez Filgueiras de Brage. Nel, os arqueólogos falan da “necesidade” da intervención nun xacemento que parecía “bastante degradado”, e dunhas actuacións que consistiron na “desmontaxe” das distintas estruturas atopadas unha vez escavadas, “reservando as máis representativas e mellor conservadas do poboado para a súa posterior recolocación nun centro de interpretación”.

IMPORTANCIA ARQUEOLÓXICA

Este estudo revela un aspecto vital para calibrar a importancia do xacemento: a cronoloxía. Os inicios do poboamento sitúanse no século IX a.C., sendo o seu apoxeo entre o VII e o VII, para ser abandonado na segunda Idade do Ferro, tempo no que a actividade castrexa no resto de Galicia estaba en pleno apoxeo.

“Trátase da datación máis antiga da Idade do Ferro en Galicia”, apunta o arqueólogo Ramón Boga. Na mesma liña maniféstase o propio Manuel Gago, que apunta que o de Punta de Muros é “un castro totalmente único”. “É o único deste tipo en Galicia, cunhas estruturas que responden máis a tipoloxías do ámbito mediterráneo que as galegas, e que revelan unha sociedade moi complexa, capaz de cambiar toda a concepción da prehistoria de Galicia. Ademais, esa é unha zona moi pouco fértil, e durante as escavacións non se atoparon moitas das ferramentas comúns dos castros, como muíños de man, o que levanta dúbidas sobre como se alimentaban”, engade.

Agora que non hai volta atrás, a Autoridade Portuaria considera instalar un centro de interpretación do desaparecido castro no seu lugar, que contará con miradoiro e restaurante. “O centro pretende ser un complexo de usos múltiples con fins sociais”, indica un portavoz na Autoridade Portuaria da Coruña.

Tras un proceso de selección, criticado por asociacións de veciños e afectados como Monte da Estrela por “limitar a igualdade de oportunidades” e polo “baixo” importe do investimento, escolléronse 16 proxectos, dos cales seis foron nomeados finalistas. “O noso obxectivo é nomear un gañador en poucas semanas e comezar coa construción coa idea de que estea funcionando no 2012”, apuntan dende o porto coruñés.


Con respecto á polémica sobre as actuacións levadas a cabo no castro de Cociñadoiro, a Autoridade Portuaria afirma que tras a escavación “todo foi recuperado e catalogado” e que “nada foi destruído”, pese a que Verónica Blanco, da Asociación Cultural Monte da Estrela, sinala que “os restos están en teoría no porto, malia a que nada é seguro”, e que o caso da obra de Punta Langosteira é un claro exemplo de que “a obra civil prima sobre o patrimonio histórico”.

Sem comentários: